24-09-2021
Premio Dolores Trigo 2021 sobre inestabilidade xenómica e fraxilidade en persoas maiores

Premio Dolores trigo

O traballo, que leva por título “Análisis de parámetros genéticos como biomarcadores de fragilidad en personas mayores” foi realizado polos grupos de investigación Diagnóstico Conductual e Molecular Aplicado á Saúde (DICOMOSA) e Grupo de Investigación en Xerontoloxía e Xeriatría (GIGG) da UDC. A síndrome de fraxilidade implica un estado de vulnerabilidade e un incremento do risco de desenvolvemento de efectos adversos para a saúde, incluíndo discapacidade, dependencia e mortalidade, pero pode atrasarse ou mesmo reverterse en caso de ser identificado a tempo. Así, o principal obxectivo de estudo foi identificar parámetros xenéticos que axuden a recoñecer de maneira precoz a condición de fraxilidade en persoas maiores, contribuíndo así mesmo a incrementar o coñecemento sobre as bases biolóxicas relacionadas co desenvolvemento desta síndrome xeriátrica. Os resultados obtidos confirman a hipótese da existencia dun vínculo entre a inestabilidade xenómica, entendida como dano xenético fixado, e o estado de fraxilidade, e apuntan á utilidade de dous biomarcadores xenéticos como futuras ferramentas para a identificación ou predición de fraxilidade.
O galardón – Premio Dolores Trigo 2021 – foi outorgado pola Asociación de Antigos Alumnos da Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela. Foi recollido por Blanca Laffon, catedrática de Psicobioloxía, en representación de ambos os grupos, nun acto celebrado o pasado día 24 de setembro no Pazo de Fonseca.

Deixa unha resposta